O Servizo de Reumatoloxía de Vigo obten a certificación avanzada de calidade no manexo da espondilartrite axial, outorgada pola Sociedad Española de Calidad Asistencial. A certificación foi recollida polo xefe do servizo Ceferino Barbazán e a reumatóloga Nair Pérez, nun acto presidido polo xerente da Área Sanitaria de Vigo,
Vigo, 15 de novembro de 2021. O servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo acaba de recibir a certificación avanzada de calidade no manexo da espondilartrite axial, outorgada pola Sociedad Española de Calidad Asistencial (SECA). Deste xeito, o Chuvi sitúase entre os 7 primeiros hospitais de España que contan con esta acreditación.
A vicepresidenta da Sociedade Galega de Calidade, a doutora Dolores Vila, foi a encargada de entregar a certificación,que foi recollida polo xefe do servizo Ceferino Barbazán e a reumatóloga Nair Pérez, nun acto presidido polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, no hospital Meixoeiro.
O obxectivo deste programa de certificación é impulsar a mellora continua da calidade asistencial na atención aos pacientes con espondilartrite axial, conseguindo o tempo óptimo no diagnóstico e fomentado o co-manexo e seguimento do paciente crónico con esta patoloxía.
Deste modo, os centros sanitarios que se adhiren a este programa poden optar a tres niveis de certificación diferentes de acordo co cumprimento dos 14 estándares esixidos, e que foron consensuados por profesionais sanitarios das diferentes especialidades implicadas na atención a estes pacientes xunto con expertos en calidade asistencial.
Derivación preferente con Atención Primaria
Para o xefe do servizo de Reumatoloxía do Chuvi, Ceferino Barbazán “Nos últimos tempos desenvolvemos xunto coa atención primaria varias estratexias como a implantación dunha nova vía de derivación preferente cos médicos de familia e a teleconsulta, que mellorou de xeito moi significativo a atención a estes pacientes, sobre todo na axilidade da resposta e na diminución dos tempos de espera para o diagnóstico. Esta acreditación é un recoñecemento a ese traballo, que garante que cumprimos cuns requisitos de calidade avanzados na abordaxe destas enfermidades.”
Enfermidade inflamatoria crónica
As espondilartrites son unha familia heteroxénea de enfermidades reumáticas e inflamatorias do aparello locomotor, que comparten característica clínicas, patoxénicas, xenéticas, radiolóxicas, epidemiolóxicas e de resposta terapéutica.
A espondilite anquilosante é unha enfermidade inflamatoria crónica que afecta fundamentalmente ás articulacións da columna vertebral, que tenden a soldarse entre si, provocando unha limitación da mobilidade. Como resultado final prodúcese unha perda de flexibilidade da columna, quedándose ríxida e fusionada.
Esta enfermidade reumática evoluciona producindo brotes ou ataques de inflamación das articulacións da columna vertebral, ou doutras articulacións como os ombros, as cadeiras, os xeonllo ou os nocellos. Entre brotes, xeralmente, o paciente quédase sen síntomas de dor e pode manter unha actividade cotiá normal.
Aínda que se descoñecen as causas deste tipo de patoloxías, está comprobado que a xenética ten un papel importante; de feito, os familiares de primeiro grao de pacientes con espondilartrite teñen un risco superior de padecer a enfermidade fronte á poboación xeral.
600 pacientes no Chuvi
O servizo de Reumatoloxía da Área Sanitaria de Vigo ten en seguimento a 600 pacientes con esta patoloxía.
É unha enfermidade frecuente, cunha incidencia duns 7 casos novos por cada 100.000 habitantes ao ano. Habitualmente a espondilite anquilosante aparece en varóns entre os 20 e 30 anos de idade, sendo menos frecuente en mulleres.