Para visualizar o contido privado ten que validarse como socio.
Acceda no seguinte formulario Formulario de acceso

MANUAL PARA DOENTES. ENFERMIDADES REUMATOLOXICAS. 2023 
Documento completo en pdf

BUSCA A TÚA ENFERMIDADE 
(capítulos independientes para imprimir)

Editores: 
Carlos García Porrúa. Presidente SOGARE
José María Pego Reigosa. Vicepresidente SOGARE


 

PRÓLOGO

“Son moi reumático”, “esta néboa invádeme de reuma” e “atácame o reumatismo” son expresións habituais nas nosas conversas do día a día. Moitas destas persoas, cando van ao médico e este lles pregunta polo motivo da consulta, adoitan responder: "teño reuma".

O termo “Reumatismo” é a forma coloquial que a xente usa para referirse a este tipo de doenzas, aínda que este concepto non existe en ningún libro de medicina e non existe ningunha doenza ou enfermidade que reciba ese nome. A pesar diso, a sociedade agrupou baixo o paraugas desta palabra todas as doenzas relacionadas co aparello locomotor.

Máis de medio millón de persoas padecen en Galicia unha das máis de 200 enfermidades reumáticas que se coñecen na actualidade.

As enfermidades reumáticas son as doenzas crónicas máis frecuentes en España. De feito, o último Estudo EPISER 2016 (Estudo da Sociedade Española de Reumatoloxía sobre a prevalencia de enfermidades reumáticas na poboación adulta en España) sinala que 11 millóns de españois padecen algún tipo de patoloxía reumática. Cifras que establecen que 1 de cada 4 persoas padece unha das preto de 300 enfermidades reumáticas que existen.

A palabra ”reuma” procede do latín “rheuma” e este último do grego “refma”, que significaba derrame ou caudal. A saúde veríase reflectida polo equilibrio entre catro fluídos corporais e a vertedura ou caudal dun deles constituiría reumatismo. “Rheuma” referíase a un líquido nocivo, que podía fluír do cerebro pingando directamente nas articulacións, causando dor nas persoas. ¿E con que enfermidade está relacionado este fluxo de líquido? O concepto de reuma foi utilizado indistintamente polo pobo grego dende a súa orixe, uso que se estendeu ao longo dos séculos á sociedade actual. A palabra designaba globalmente todas as enfermidades reumáticas, sen mostrar ningunha diferenciación entre elas, como acontece na actualidade. A artrite gotosa, coñecida popularmente como a gota, foi unha das primeiras enfermidades reumáticas recoñecidas na historia da medicina. O propio Hipócrates recolleu esta patoloxía nos seus aforismos, proposicións relacionadas cos síntomas e o diagnóstico das enfermidades. A súa descrición do reuma está moi relacionada coa gota, o que parece indicar que se refería ao ácido úrico como causante desta enfermidade. Hai que ter en conta que era a enfermidade reumática máis frecuente na Antiga Grecia. Agás nos últimos 150 anos, “rheuma” e “gota” eran dúas palabras que sempre foron sinónimos.

Porén, na medicina actual non existe ningunha enfermidade ou doenza do aparello locomotor que reciba o nome de reuma. Agrupamos popularmente baixo o nome de “reuma” ou “reumatismo” todo o conxunto de doenzas ou molestias relacionadas co aparello locomotor.

Entón, se o reuma non existe, que ten o noso familiar, amigo ou coñecido que se queixa de dor no pescozo, costas ou xeonllos? Posiblemente algún tipo de trastorno musculoesquelético, algún tipo de enfermidade reumática, cuxo diagnóstico debe ser establecido. Hai máis de cen enfermidades diferentes do aparello locomotor. A reumatoloxía é a especialidade que se ocupa das enfermidades do aparello locomotor e das enfermidades autoinmunes sistémicas. Estas últimas son doenzas que se deben a que o sistema inmune (o encargado de defendernos) reacciona contra o propio organismo, podendo producir manifestacións clínicas en calquera parte do mesmo.

Entender que o reuma non é unha enfermidade concreta ou un diagnóstico correcto obríganos a coñecer o nome específico da enfermidade que padecemos.

Os ósos, as articulacións, os músculos, os tendóns e os ligamentos forman o aparello locomotor, tamén chamado aparato locomotor.

As causas máis comúns de enfermidades reumáticas inclúen: a) o desgaste das propias estruturas pode alterar a cartilaxe e desencadear a artrose; b) o depósito de cristais nas estruturas do noso aparello locomotor: o ácido úrico e o calcio forman cristais microscópicos que, ao depositárense nas articulacións, inflámaas; c) ataques ao sistema que se producen como consecuencia do esforzo físico no deporte, no traballo ou na casa: constitúen unha causa moi frecuente de lesións de tendóns e ligamentos e d) infeccións.

As enfermidades doutros órganos ou sistemas tamén poden afectar ao sistema musculoesquelético e provocar dor, molestias ou outro tipo de síntomas. É o caso dalgunhas enfermidades do sangue, da pel, das glándulas endócrinas, etc.

O 33% da poboación consulta a un médico por problemas musculoesqueléticos e o 20% da poboación consome antiinflamatorios. Neste sentido, o 25% dos españois maiores de 20 anos padece algún tipo de enfermidade reumática, sendo a artrose a máis frecuente. Ademais, as enfermidades reumáticas son a causa do 40% ao 50% das discapacidades.

Por todas estas afeccións, a enfermidade reumática constitúe un problema de saúde de gran magnitude, polo seu notable impacto social e económico.

O diagnóstico baséase na historia e na exploración física. Ás veces, as probas do laboratorio, a radioloxía e outras técnicas poden axudar a confirmar ou descartar a sospeita clínica.

O reumatólogo, pola súa formación e experiencia, é o médico especialista máis preparado para diagnosticar e tratar enfermidades do aparello locomotor e doenzas autoinmunes sistémicas como o lupus eritematoso sistémico, o síndrome de Sjögren, a enfermidade inflamatoria do músculo (miosite) ou dos vasos que levan o sangue ao corpo (vasculite), etc.

Moitas enfermidades reumáticas tenden a ter un compoñente hereditario que é moi variable segundo o tipo de enfermidade e a raza. Porén, haberá que esperar uns anos e analizar os diferentes avances científicos, para coñecer con certeza que importancia pode ter a herdanza nas diferentes enfermidades reumáticas.

Unha dieta saudable e equilibrada, baixa en graxas e azucres e rica en alimentos con calcio, controlando os hábitos tóxicos (alcohol e tabaco), reducindo o exceso de peso e practicando exercicio físico regularmente, axudaranos a ter unha mellor calidade de vida e unha mellor saúde dos nosos ósos e articulacións.

O médico de familia, como ocorre con certas enfermidades doutros sistemas, pode diagnosticar e tratar eficazmente moitos dos problemas máis comúns relacionados co sistema musculoesquelético. A maioría das veces será o mesmo médico de familia quen nos recomende acudir ao reumatólogo cando a situación así o requira.

Carlos García Porrúa
José María Pego Reigosa

 

 


CAPÍTULO 1. SÍNDROMES AUTOINFLAMATORIOS. FEBRE MEDITERRÁNEA FAMILIARAlejandro Souto Vilas, Sabela Fernández Aguado
CAPÍTULO 2. FENÓMENO DE RAYNAUDAlmudena Barros Barros, Begoña Moreira Martínez
CAPÍTULO 3. ENFERMIDADE DE BEHÇETÁlvaro Seijas López, Laura Losada Ares
CAPÍTULO 4. ESCLEROSE SISTÉMICA OU ESCLERODERMIA. Ana Lois Iglesias 
CAPÍTULO 5. SARCOPENIA Antía Crespo Golmar, David Fernández Fernández
CAPÍTULO 6. LUMBALXIA E CIÁTICA. Belén Acasuso Pardo de Vera, Maria Teresa Silva Díaz 
CAPÍTULO 7. POLICONDRITE RECIDIVANTE Ignacio González Fernández, Pablo Castro Santamaría 
CAPÍTULO 8. GOTA E CONDROCALCINOSE Carlota Iñiguez Ubiaga, Rodrigo Aguirre del Pino 
CAPÍTULO 9. OSTEOPOROSE David Fernández Fernández, Antía Crespo Golmar 
CAPÍTULO 10. ARTRITE REUMATOIDE Diana Sueiro Delgado 
CAPÍTULO 11. UVEÍTE Eugenia González Díaz De Rábago 
CAPÍTULO 12 SARCOIDOSE Eva Salgado Pérez  
CAPÍTULO 13 ARTRITE REACTIVA  Evelin Cecilia Cervantes Pérez, María Caeiro Aguado 
CAPÍTULO 14 ENFERMIDADE DE PAGET Clara Ventín Rodríguez 
CAPÍTULO 15 LUPUS ERITEMATOSO SISTÉMICO Irene Altabás González, Nair Pérez Gómez 
CAPÍTULO 16 A FIBROMIALXIA John Henry Guzmán Castro 
CAPÍTULO 17 TÉCNICAS EN REUMATOLOXÍA Guillermo González Arribas 
CAPÍTULO 18 A REUMA NOS NENOS. ARTRITE IDIOPÁTICA XUVENIL Laura Losada Ares, Carlota Laura Iñiguez Ubiaga  
CAPÍTULO 19 DOR DE OMBREIRO Maite Silva-Díaz, Belén Acasuso Pardo de Vera 
CAPÍTULO 20 ARTRITE PSORIÁSICA Maria Caeiro Aguado, Evelin Cecilia Cervantes Pérez 
CAPÍTULO 21 HIPERLASITUDE LIGAMENTOSA Manuel Pombo Suárez, Pablo Castro Santamaría 7 
CAPÍTULO 22 ESPONDILARTRITE. ESPONDILITE ANQUILOSANTE Begoña Moreira Martínez, Rafael B. Melero González 
CAPÍTULO 23 MIOPATÍAS: DERMATOMIOSITE E POLIMIOSITE  Nair Pérez Gómez, Sara García Pérez  
CAPÍTULO 24 A ARTROSE Dra. Natividad Oreiro Villar 
CAPÍTULO 25 SÍNDROME ANTIFOSFOLIPÍDICA Mª Noelia Álvarez Rivas, Lucía Cristina Domínguez Casas 
CAPÍTULO 26 AS VASCULITES. A ARTERITE DE CÉLULAS XIGANTES. Rafael B. Melero González, Almudena Barros Barros 
CAPÍTULO 27 SÍNDROME DA DOR REXIONAL COMPLEXA TIPO 1 (DISTROFIA SIMPÁTICA REFLEXA) Raquel Dos Santos Sobrín 
CAPÍTULO 28 SÍNDROME SAPHO Rodrigo Aguirre del Pino, Álvaro Seijas López
CAPÍTULO 29 POLIMIALXIA REUMÁTICA Sabela Fernández Aguado, Alejandro Souto Vilas 
CAPÍTULO 30 SÍNDROME DE SJÖGRENSara García Pérez, Irene Altabás González 
CAPÍTULO 31 ENFERMIDADES REUMATICAS AUTOINMUNES SISTÉMICAS. ENFERMIDADES MEDIADAS POR INMUNOCOMPLEXOS Maria Cristina López Sánchez, Tomás Ramón Vázquez Rodríguez 
CAPÍTULO 32. EXERCICIO FÍSICO NAS ENFERMIDADES REUMATOLÓXICAS Tatiana Díaz Díez 
CAPÍTULO 33 A ALIMENTACIÓN NAS ENFERMIDADES REUMATOLÓXICAS Mª Luisa Uriondo Martínez, Begoña Carballal Platas 
CAPITULO 34 VACINAS Coral Mouriño Rodríguez, María Pena Martinez 

ANEXO. LISTADO DE ASOCIACIONS DE DOENTES